Sunday 08 de September de 2024

O luns 22 comezan as obras da cuberta textil do parque infantil das Abesadas


O Concello de Ribeira anuncia que o parque infantil das Avesadas iniciará o vindeiro luns 22 de xullo as obras para a instalación dunha cuberta téxtil.
O primeiro que se vai a facer é establecer un valado perimetral para garantir a seguranza da veciñanza e prevese que poida reabrira finais de agosto. O comezo desta actuación demorouse para evitar que coincidira coa tempada de actividade escolar.
Esta actuación na que se instalará unha cuberta téxtil ten unha consignación de 97.066,67 euros e forma parte do Plan Provincial de Obras e Servizos POS+ 2023. A empresa adxudicataria foi Nature Infraestructuras e Servizos, S.L. A cuberta será de lona de poliéster cunha estrutura de soporte metálica protexida contra a oxidación. Tamén se procederá á instalación de luminarias LED.
A zona infantil situada no parque das Avesadas é unha das máis concorridas do municipio ao atoparse no centro urbano e esta actuación realízase para que poida empregarse con independencia das inclemencias meteorolóxicas. Dende o goberno local incídese en que esta inauguración permite avanzar no compromiso de mellorar os espazos públicos e áreas infantís.
O alcalde, Luís Pérez Barral, afirmou que o Plan de Mellora de Parques Infantís ten unha dotación que ascende a 672.000€ grazas aos que, alén das Avesadas, actuouse en Banda ó Río e Artes e tamén se actuará en Palmeira e Carreira. Pérez Barral incidiu que seguirán traballando en mellorar os espazos públicos de maneira progresiva e sobre todo aqueles que se atopan máis degradados.